Friday 10 de May de 2024

O Concello convoca unha nova edición do concurso escolar de postais de Nadal


O prazo de presentación de traballos conclúe o 28 de novembro e o fallo do xurado coñecerase o 5 de decembro

O Concello, a través da Concellaría de Educación, Deportes e Xuventude, informa de que o prazo de presentación de traballos para o IV Concurso de Postais de Nadal se manterá aberto ata o próximo 28 de novembro. Así, dende a área que dirixe Francisco Mourelo xa a trasladaron á comunidade educativa as bases desta edición, na que se convocarán dúas categorías para nenas e nenos, escolarizados nos centros educativos da cidade, e se outorgarán dous premios:
1. Escolares matriculados en educación Infantil e 1º e 2º dePrimaria.
2. Escolares matriculados en 3º, 4º, 5º e 6º de educación Primaria.
A temática das postais será a felicitación de Nadal e Ano Novo. A técnica será libre, sen purpurinas nin tintas metálicas, e terá que entregarse en formato DIN A4 indicando o título do traballo, o nome e apelidos do autor, e o curso e nome do centro educativo. As postais participantes expoñeranse nas bibliotecas municipais e centros cívicos.
As postais entregaranse ou enviarán á Concellaría de Educación, Deportes e Xuventude (Casa Paredes. Avenida da Mariña, 18, 2). A resolución do xurado, composto polo concelleiro Francisco Moureloe catro técnicos de Educación e Cultura, darase a coñecer o próximo 5 de decembro.
Esta iniciativa é unha das accións educativas que organizou a Concellaría no contexto do Nadal 2014 xunto ao III Concurso Municipal de Árbores e/ou Beléns; ou a tradicional representación con fins solidarios que realizan os alumnos do Conservatorio Profesional de Danza para escolares e familias.
III Concurso Municipal de Árbores e/ou Beléns, Un nadal ecolóxico
Esta actividade, dirixida a escolares de educación Infantil e Primaria matriculados nos centros educativos da cidade, consiste na realización, por parte dos centros educativos que o soliciten entre o 17 de novembro e o 12 de decembro (educación@coruna.es), dunha árbore de Nadal ou un Belén con materiais reciclados. Os obxectivos son os de desenvolver a imaxinación e a creatividade dos escolares de Infantil e Primaria, fomentar a reciclaxe e promover o traballo en equipo por medio da participación da Comunidade Educativa do centro.
A visita aos centros realizarase o 15 de decembro e a resolución do xurado, o 19. Entre outros aspectos valoraranse, ademais da calidade estética, o uso exclusivo de material reciclado, a dificultade no tratamento do material utilizado e o grao de participación da comunidade educativa na actividade.
Os gañadores, en cada unha das categorías recibirán un trofeo conmemorativo.

IV Representación do Conservatorio Profesional de Danza da Deputación da Coruña
Ademais, o 18 de decembro, celebrarase a tradicional representación con fins solidarios que realizan os alumnos do Conservatorio Profesional de Danza para escolares e familias. Nesta ocasión, baixo o título Un bosque encantado, o fío condutor será a natureza galega e a vida dos seus bosques cos seus persoais, animais e seres máxicos; coa música de Milladoiro, The Chieftains, Mercedes Peón e Ismael Berdei.
Como noutras ocasións, haberá dúas sesións: unha matinal, ás 12.00 horas, exclusiva para centros que imparten educación Infantil e Primaria, logo de inscrición en ampadanza@gmail.com ou no número 655 217 941; e outra, ás 20.30 horas, aberta ao público en xeral e gratuíta ata completar aforamento e na que se habilitará unha zona para depositar os donativos que se entregarán á Cociña Económica.